Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 


PROXECTO DE INVESTIGACIÓN (I+D):
IDENTIFICACIÓN DO CAPÓN IDEAL PARA A DESESTACIONALIZACIÓN DA PRODUCIÓN

Introdución:

Este é un dos plans máis ambiciosos dentro das tarefas que leva a cabo a Asociación de Criadores de Capón de Vilalba. A comezos do ano 2.004 presentouse a solicitude de subvención ante a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Consellería de Innovación, Industria e Comercio, dentro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2.002-2.005. A Xunta concedeu unha subvención total de 64.565 €, repartida en tres anualidades (36.156 € en 2.004, 14.204 € en 2.005 e 14.205 € en 2.006), para un custo total do proxecto de 109.433 €.

Para a súa consecución, a Asociación asinou un contrato de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela; concretamente coa Facultade de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, do Campus de Lugo. Dentro desta, contamos coa axuda proporcionada por dous profesionais con ampla experiencia neste campo: o Dr. Ángel Covos García e a Dra. Olga Díaz Rubio. Ambos os dous xa participaron en varios proxectos de investigación deste tipo. Un dos últimos foi na caracterización do Lacón Galego; primeiro a través dun proxecto de fin de carreira (defendido en 1.999), e despois, como colaboradores dun proxecto FEDER-CICYT (período 2.000-2.001), coa colaboración da D. E. Lacón Gallego e diversas empresas do sector titulado “Lacón Galego de Denominación Específica: caracterización, diferenciación e control da súa elaboración”.

O Capón de Vilalba é un produto de sobras coñecido en Galicia, inclusive tamén no resto de España. Ata o de agora, vénse comercializando un só día do ano, na Feira do Capón de Vilalba. O que se pretende con este proxecto é desestacionalizar a produción, é dicir, conseguir unha produción estable durante todo o ano mantendo, por suposto, o día da Feira.

Para isto, temos que identificar o capón ideal, é dicir, un animal que cumpra cuns requisitos para lograr a aceptación por parte do consumidor e sexa competitivo con produtos similares ou que estarían no mesmo nivel: polos campeiros, carnes de avestruz,...

 

Instalacións:

Para a realización do proxecto cóntase coa colaboración dunha das criadoras da Asociación, Aurora Lozano, que pon á nosa disposición as súas instalacións: unha nave cun espazo para os capóns de 8x9 m2, con saída a un terreo de 1.000 m2, anexos á nave. Disponse de tres galiñeiros separados, con saídas individuais ó terreo, de xeito que os distintos lotes non se mesturen. Por suposto as separacións tamén as hai no terreo. Aurora é unha criadora experta, con ampla experiencia, que durante varios anos leva ganado o premio á Mellor Criadora, outorgado cada ano o día da Feira.

Cóntase tamén coa colaboración do Concello de Vilalba, que facilita un local de oficina no que se pode traballar no proxecto. Este conta con teléfono, ordenador con acceso a Internet,...

 

Fases do proxecto:

Farase un estudo comparativo de tres razas de galos: raza de Mós, unha raza dunha variedade semipesada e outra dunha pesada. Trátase de chegar á conclusión de cal sería a idónea para a cría, intentando chegar a un equilibrio entre calidade (que será o signo distintivo do noso produto), e os custos de produción, o que en última instancia repercutirá no futuro comprador.

Sabendo que hoxe en día os produtos chamados ecolóxicos teñen un mercado crecente, tamén se fará un estudo comparativo con dúas clases de alimentación: unha convencional e outra ecolóxica.

Para a realización do programa, usaranse 6 lotes de animais: as tres razas de galos alimentados das dúas maneiras (ecolóxica e convencional). Estes lotes criaranse en dúas veces (primeiro un lote de cada raza con alimentación convencional; despois o outro lote con alimentación ecolóxica), para non complicar o manexo e facilitar a súa análise. Despois da adquisición e pasado un mes de idade, cuns 1-1,5 kg. de peso, procederase á castración cirúrxica por parte do veterinario; de seguido ó engorde, no que se farán os controis por parte do persoal da Asociación como seguimento de pesos, estado sanitario, consumo de alimento,... e outros parámetros que acompañarán ós resultados do laboratorio. Realizaranse sacrificios ós 5, 6, 7 e 8 meses de idade, facendo análises das canles.

As análises destas corresponderán a persoal científico da Universidade de Santiago de Compostela. Os parámetros a estudiar na carne serán: xugosidade, infiltración graxa, cor, capacidade de retención de auga,...