Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 

*PROCESO DE CRIA ARTESANAL
*CASTRACIÓN
*ENFERMIDADES E INCIDENCIAS POSTOPERATORIAS
*INSTALACIÓNS

 

INSTALACIONS

Introdución ó modelo semiintensivo:

A cría do Capón de Vilalba enmarcámola nun modelo de produción semiintensivo. Este modelo de produción, aplicado en certas zonas do sudoeste francés, Italia, nordeste e noroeste español, ten como obxectivo a obtención dunha carne de polo de alto prestixio e calidade, destinada fundamentalmente ó consumo no Nadal. O sacrificio dos polos ten lugar despois dos cinco meses de vida e con pesos moi superiores ós dun polo de crianza industrial (entre 2-3 kg canal). É importante que os polos teñan a posibilidade de facer exercicio físico, que favorece o desenvolvemento da musculatura, incrementándose a súa cor da mesma, polo maior contido de mioglobina. Os polos castrados teñen acceso a parques durante gran parte da súa crianza, o que lles confire unhas características organolépticas distintivas.

Instalacións para capóns (lexislación):

Este tipo de crianza con acceso a parque ten como vantaxes o aproveitamento dos espazos ociosos na propiedade rural ou urbana, a diversificación das actividades na propiedade rural, a obtención de esterco de óptima calidade para ser aproveitado na propiedade, e sobre todo, a obtención de produtos de boa calidade. Podemos facelo naquel sitio no que haxa pasto ou posibilidade de plantalo.

A lexislación avícola europea regula algúns aspectos básicos sobre a comercialización de aves de curral. O Regulamento (CCE) 1538/91 da Comisión (5 de xuño), contempla a produción de capóns baixo o réxime de “granxa ó aire libre” ou a de “granxa de cría en liberdade”, con algunha diferencia entre elas. Estas denominacións poderán poñerse legalmente nas etiquetas do produto final, sempre que se axusten ó significado oficial.

A lexislación avícola europea regula algúns aspectos básicos sobre a comercialización de aves de curral. O Regulamento (CCE) 1538/91 da Comisión (5 de xuño), contempla a produción de capóns baixo o réxime de “granxa ó aire libre” ou a de “granxa de cría en liberdade”, con algunha diferencia entre elas. Estas denominacións poderán poñerse legalmente nas etiquetas do produto final, sempre que se axusten ó significado oficial.

•  GRANXA Ó AIRE LIBRE:

Baixo esta primeira denominación, os polos a castrar deben criarse nun galiñeiro de ventilación natural a unha densidade de 12 aves por m 2 (máximo 35 kg. peso por m 2 ), ata os 91 días de idade. Dende ese momento, baixamos o número de capóns a 6,25 por m 2 (máximo 35 kg. peso por m 2 ). Ademais, a partir das 6 semanas de idade, as aves “terán acceso continuo durante o día a un espazo ó aire libre” que “inclúa unha zona, cuberta na súa maior parte por vexetación, cunha superficie de, polo menos, 4 m 2 por capón (ata os 91 días, 2 m 2 / capón)”.

ATA OS 91 DIAS

DENDE OS 92 DIAS

12 aves / m 2

 

Máximo 35 kg. / m 2

6,25 aves / m 2

 

Máximo 35 kg. / m 2

Dende as 6 semanas , acceso a parques con vexetación, mínimo 4 m 2 / capón (ata os 91 días, 2 m 2 / capón)


•  GRANXA DE CRÍA EN LIBERDADE:

Só varía da anterior en que “as aves terán acceso continuo durante o día a espazos ó aire libre de superficie ilimitada ”.

Ademais, a regulamentación esixe outros requisitos, como son:

•  Uso de variedades de polo de crecemento lento.
•  Incorporar un mínimo dun 70% de cereais na dieta.
•  Que a idade mínima de sacrificio sexa de 150 días.
•  Como máximo haxa 4 semanas de engorde en gaiolas.

A cría de Capón de Vilalba encádrase no primeiro tipo (granxa ó aire libre), xa que esta zona non permite unha superficie ilimitada de espazos con vexetación. Polo tanto, o galiñeiro albergará como máximo 6,25 aves / m 2 . A saída ó parque comeza pouco despois da capadura, $sobre as 6 semanas de idade. Tamén se cumpren o resto dos requisitos: úsase unha variedade semipesada, de crecemento lento; a alimentación é natural; sacrifícanse con máis de 7 meses de idade; e nas capoeiras non adoitan estar máis de 4 semanas.

•  LOCAL DE CRIANZA (Galiñeiro):

O local debe estar nun lugar con bastante luz, é dicir, que o sol debe chegar polo mañá e pola tarde, protexido dos fortes ventos no inverno e nun sitio lonxe das casas.

Coa fin de evitar humidades o local debe estar sobre un terreo seco, con chan de formigón, e algo elevado, de superficie lisa e cunha pouca pendente para facilitar a limpeza. Para evitar a entrada excesiva no local de insectos e outros animais, podemos empregar mosquiteiros nas fiestras.

Os polos deben ter acceso directo dende as instalacións ó pasto. O prado debe estar localizado nun lugar tranquilo, rodeado de árbores non fructosas e cercado con rede.

•  PASTOREO:

Logo da castración, ás 6 semanas de idade, encomeza a cría ó aire libre. Debemos ter en conta as condicións atmosféricas, e que os animais se habituasen á temperatura do exterior.

Como xa dixemos, as necesidades de pasto mínimas son de 4 m 2 por polo.

A zona de pastoreo debe ser un lugar que non se inunde ou que non se produzan correntes de auga, e que non sexa un terreo moi accidentado. No parque debe haber pasto, matogueiras e árbores de folla caduca, que ofrezan sombra na época de calor; isto permitiralles ós capóns a busca continua de larvas e insectos, actividade que non é só importante dende o punto de vista alimenticio, senón que se considera un anti-stress natural.

Se o pasto aínda non está formado, un factor que non debe ser esquecido é o da escolla da forraxeira que o irá compoñer. Unha boa forraxeira debe ter as seguintes características: ser perenne, agresiva, que domine o terreo en pouco tempo, de fácil propagación, resistente á seca, de pequeno porte, que proporcione gran cantidade de masa verde, que sexa nutritiva, de ciclo longo e que se adapte ben ó clima da zona. O pasto mais apropiado adoita ser aquel que medra na leira de modo natural, e unha das especies de forraxe máis usada é o Rygrass.

O ambiente ideal para o polo é un pasto curto con gran contido de insectos. A menor cantidade de forraxes no pasto e menor cantidade de insectos, maior consumo de cereais. O tamaño ideal do pasto é de 3 a 5 cm. de alto, porque si é moi alto, os polos poden ter dificultades para rascar no chan en busca de insectos. En definitiva, a alimentación básica do capón ten que ser o pasto, os graos, preferiblemente producidos na leira, e os insectos que se esconden no pasto.

O pasto normal non contén tódolos elementos que o polo necesita, co cal é conveniente colocar comedeiros e bebedoiros para cando non haxa pasto suficiente. Estes han de repartirse por todo o terreo para que ó ir comer, o animal realice un pradeo , ou sexa, que ande por toda a superficie da finca. Se colocamos os comedeiros e os bebedeiros na mesma zona, os animais non saen dela. As aves deben dispoñer dun número suficiente de comedeiros, e deben estar protexidos por un pequeno teito para que a choiva e a humidade non deterioren o alimento. Os graos que se lles proporciona ós polos poden ser enteiros cando os polos xa teñen varios meses de vida. Sen embargo, débeselles poñer pedriñas ou grava grosa cerca, no caso de que o terreo non as teña de modo natural, xa que os polos necesitan pedras para triturar o gran. Recoméndase tamén prover ó parque de zonas a molleja onde as aves poidan arrolarse para liberarse dos parasitos externos. O acceso ó parque debe de ser polo menos de 10 horas ó día.

A zona de pasto debe estar cercada, dunha altura por exemplo de 1.80 m, non só para impedir que os polos escapen, senón para impedir a entrada de animais depredadores. Outra opción é dividir o prado en partes, co cal podemos realizar alternancias de terreo ocupado.

•  EQUIPOS DE CRIANZA :

O equipo de crianza básico está composto por: o equipo de alimentación, a cama e a calefacción (cando abarcamos todo o proceso de produción, dende a incubación dos polos, xa que estes non desenvolven a capacidade de termorregulación ata as 3 semanas, polo que necesitan un ambiente quente).

O equipo de alimentación está formado polos comedeiros e os bebedoiros. De acordo co tamaño do animal, temos equipos de primeira e de segunda idade.

Comedeiros

•  Os comedeiros de primeira idade máis adecuados son unhas simples bandexas (tipo prato). Úsanse durante os primeiros dez días de vida.
•  Os comedeiros de segunda idade son variados. Poden ser manuais ou automáticos e poden ser tipo moega ou lineais, de capacidades variables.

Bebedoiros

•  Os bebedoiros de primeira idade adoitan ser manuais, de 2 a 5 litros de capacidade, aínda que tamén os hai automáticos.
•  Os de segunda idade poden ser lineais ou circulares.

Os comedeiros e bebedoiros máis usados na cría do capón de Vilalba son manuais e móbiles, os máis sinxelos posibles. Colocaranse dentro do local e no parque, ben distribuídos (para que os polos teñan que desprazarse e non estean sempre na mesma zona), en lugares onde haxa pedras, e en número suficiente (polo menos debe haber un bebedoiro e un comedeiro por cada 25 aves). Canto menor sexa o número de comedeiros, maior será a competencia entre os animais, cos conseguintes aumentos de gastos de enerxía e polo tanto, de comida.

A distribución dos cereais debe facerse varias veces ó día, eliminando en cada ocasión o alimento que estea sucio. Non é conveniente enchelos moito, porque se perde moita comida. Tanto os comedeiros como os bebedoiros, débense colocar á altura do peito do animal para evitar o desperdicio de comida e para evitar que se verta auga sobre a cama no interior do local, respectivamente. Esta debe renovarse diariamente, ha de ser potable e limparse con frecuencia o bebedoiro, porque se ensucia con moita facilidade.

•  A CAMA :

A cama que se empregará inflúe de modo directo na comodidade das aves, xa que van estar en contacto permanente con ela.

É aconsellable que sexa de labras de madeira branca (pino), ou serraduras. Como alternativas temos a cascarilla de arroz, cáscara de pipas, etc., aínda que estes tipos quedan relegados ás zonas onde se producen. Non deben usarse as labras procedentes de madeiras brancas de árbores de ribeira (chopo, álamo, etc.) polo escaso poder absorbente. Cando a procedencia é de madeiras escuras ou de palla de cereais, podemos ter problemas de absorción. Estas son menos absorbentes que as de pino, crean máis po e son máis propensas a ter fungos. Tampouco é conveniente usar labras procedentes de fábrica de mobles, porque pode ter verniz tóxico para as aves, nin labras que presenten zonas escuras de cor gris, porque é probable que estean contaminadas por fungos. Nos últimos anos vénse empregando papel cortado (como xornais vellos) nalgunha casa. Obtivéronse bos resultados na crianza, sen embargo, presenta o inconveniente de que absorbe menos a humidade que as labras.

A espesura da cama debe ser de 10 – 15 cm. (10 – 15 kg de labras por m 2 ). É importante que esta non se apegue, porque diminúe a comodidade das aves.

É importante controlar o estado da cama, xa que unha cama excesivamente húmida, unida a altas temperaturas, produce un ambiente idóneo para os microorganismos produtores de enfermidades, e son condicións óptimas para a formación de nitróxeno amoniacal, que en concentracións elevadas é tóxico. Por outra banda, unha cama excesivamente seca, produce a aparición de po, que é nocivo ó ser respirado polas aves. Para comprobar o estado da cama, basta con tomar unha presa de labras, se é unha masa compacta estará moi húmida, e se cae en forma de po estará moi seca. A humidade da cama pódese controlar mediante ventilación. Hai que ter especial coidado nas zonas nas que se atopan os bebedoiros, onde é conveniente renovala con frecuencia.

•  SUBPRODUCTO DA ACTIVIDADE AVICOLA :

É sabido que a excreción animal, especialmente a de polos, é alta en nutrientes que benefician ás plantas. Os nutrientes máis importantes que obtemos son o nitróxeno e o fósforo, pero hai que ter en conta que só o 60% do nitróxeno é dispoñible para as plantas, comportándose como un fertilizante inorgánico. A porcentaxe restante volatilízase (pérdese como amoníaco na atmosfera) ou é considerado recalcitrante (únese á materia orgánica e só se converte en dispoñible para as plantas despois de varios anos). Así, o nitróxeno pódese acumular no subsolo a niveis moi altos.

As plantas necesitan nitróxeno que han de absorber dende o inicio ata afin do seu ciclo. Acumulan o nitróxeno nos seus tecidos de reserva para facer fronte na primavera á emisión de flores e brotes, cando o consumo de nitróxeno é elevado.

O fósforo favorece o desenvolvemento das raíces das plantas, favorece a súa floración e fructificación, aumenta a resistencia ás secas, enfermidades, etc.

Polo tanto, é interesante o uso deste subproducto como fertilizante, e xa se volve usar coa frecuencia de antes.

•  A HUMIDADE, VENTILACION E ILUMINACION :

Na crianza do capón de Vilalba o ambiente do local non vai estar controlado no que se refire á humidade, ventilación e aireación. Nembargantes debemos de saber que cando a humidade é moi alta (por encima do 80 % de humidade relativa), prodúcese condensación e, polo tanto, a cama apégase e humedécese.

É importante que exista unha boa ventilación no local, co obxectivo de repoñer o osíxeno que as aves precisan, combater o exceso de calor, eliminar o exceso de humidade producido polos propios animais, eliminar o dióxido de carbono e o amoníaco (que irrita as mucosas, provoca conxuntivite e baixa o apetito dos polos). A ventilación debe ser maior no verán que no inverno, pero debemos garantir sempre a renovación do aire. Moitos criadores teñen a idea de que se o polo tose é porque ten frío, non airean, pechan as fiestras e iso agrava a tose. Pola contra, unha baixa humidade provoca que existan partículas de po en suspensión, o que xera nerviosismo e liortas entre os animais. Dende a Asociación xa alertamos deste problema e os criadores airean os galiñeiros todos os días, procurando incluso que ventile algo pola noite.

Outro dos factores que inflúe na ceba do capón é a iluminación. Durante os períodos de escuridade o polo pode inxerir alimento, pero sería conveniente deixar unha luz acesa durante unhas horas, para que a inxestión sexa a suficiente e asegure un crecemento axeitado. Isto está indicado sobre todo no inverno, onde as horas de luz son máis escasas.

•  RUTINA DE TRABALLO :

Como condición fundamental para unha axeitada crianza temos que todos os polos deben de ser da mesma estirpe, para que as necesidades fisiolóxicas e o comportamento zootécnico sexan os mesmos; e da mesma idade, para que o proceso produtivo sexa homoxéneo.

Para manter un nivel sanitario idóneo é necesaria unha completa limpeza do local. Debemos de retirar a cama cando o local queda baleiro, e débese limpar todo.

O proceso que se aconsella seguir antes da chegada dos polos é o seguinte:

•  Sacar ó exterior todo o material móbil do local e xunto co material do parque (comedeiros, bebedoiros…), limpalo con auga a presión ou vapor. Se é posible, expoñelo á acción esterilizante dos raios solares ou lavalo cun produto desinfectante. Este proceso pódese facer unha vez que se sacan todos os capóns para vender.
•  Varrer o local para quitar o po. Despois, lavar o chan, paredes e teito con auga a presión. Limpar ben os mosquiteiros das fiestras e calquera outro material fixo.
•  Pódese dar unha man de cal ás paredes e ó chan.
•  Eliminar malas herbas da zona inmediata ó local.
•  Unha vez que todo está limpo, montar o material móbil que sacaramos inicialmente, colocando comedeiros e bebedoiros á altura axeitada.
•  A continuación colocaremos a cama en pequenos montóns ó longo do local, para proceder logo a estendela, de modo que a espesura sexa de 10 – 15 cm.

Nos primeiros días despois da castración, os polos non deben saír ó parque, xa que nestes días requiren dun especial coidado, non sendo conveniente cambios bruscos de temperatura.

Unha vez recuperados do proceso de castración, é cando lles facilitamos o acceso ó parque, sempre despois de desorballar.

Debe establecerse un horario de atención ós polos na mañá e na tarde. O capón, igual que outros animais, necesita un trato igual tódolos días e verase afectado por calquera variación.

As labores diarias durante a cría do capón será revisar:

•  O aprovisionamento e hixiene da auga e do alimento.
•  O estado físico e anímico dos animais.
•  O estado hixiénico da cama e do pasto.
•  A ventilación e temperatura do local.
•  A hixiene dos equipos.
•  A altura e o número de comedeiros e bebedoiros.
•  Se existen sinais de canibalismo, un vicio que deberá ser advertido ó comezo, antes de que se converta nun costume.

Como complemento, podemos levar un rexistro no que anotaremos a mortaldade, o consumo de alimento e incluso o peso. Levar un rexistro é esencial para unha boa administración, e proporciona información sobre o progreso da ceba. Podemos anotar as baixas (coas súas posibles causas) e pesar o alimento subministrado. Para levar a cabo o control do peso, podemos tomar unha mostra ó azar o suficientemente representativa (por exemplo se o número de capóns é de 30 podemos pesar 5), e facer unha pesada individual e semanal (se é posible, o mesmo día da semana e á mesma hora). Podemos tamén tomar nota das temperaturas exteriores e interiores, e das condicións atmosféricas.