Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 


ACCIÓNS DO VETERINARIO

Todo o proceso produtivo do Capón de Vilalba está supervisado polo veterinario da Asociación de Criadores. Este ten diferentes labores, que varían ó longo do ano.

Comeza por encargarse, a principios de ano, da inscrición do número de exemplares que quere cada criador. En 2004 houbo 90 criadores, con máis de 2.000 pitos censados. A Asociación vén impartindo cursiños de castración destinados ós criadores. Estes tiveron un éxito considerable, polo que nesta última campaña foron case a metade os criadores que caparon na casa, cuns resultados máis que aceptables (a porcentaxe de baixas foi mínima).

Debemos lembrar que segundo a lexislación europea, só se pode vender baixo a etiqueta de capón , ó “polo castrado cirurxicamente, antes de acadar a súa madurez sexual e sacrificado a unha idade mínima de 150 días; unha vez castrados, os capóns deberán pasar por un período mínimo de engorde de 77 días” (Regulamento CEE nº 1538/91). Polo tanto, e a diferencia de antes, esta acción resulta hoxe en día imprescindible.

Cara maio ou xuño, comezan as castracións. Os pitos deben ser todos da mesma raza: unha Label de variedade semipesada. As características deste tipo de ave fan que sexa a máis axeitada para esta de produción. Son animais de crecemento lento, dando canais nas que as peitugas e os zancos son redondeados, moi estéticos. Tamén é mellor o rendemento da canal e a proporción carne/ósos é máis favorable.

Entre xullo e agosto, faise a comprobación das castracións, principalmente dos que caparon na casa. Estes deben gardar os testículos extirpados nun bote con alcohol. Así, poderase comprobar que os animais que teñen son verdadeiros capóns. Tamén se procede ó anelado de todas as aves castradas. Este sistema de identificación consiste na colocación dun anel numerado e co selo da Asociación de Criadores. Isto faise por varios motivos:

•  Trazabilidade : este sistema permite identificar cada capón co seu criador, o que é unha garantía para o consumidor de cara a posibles reclamacións (control dende a orixe).

•  Evitar fraudes: o día da Feira só entrarán ó recinto os animais que veñan co anel posto, evitando así a picaresca.

O mesmo día do anelado, entrégaselle ó criador unha tarxeta. Nesta aparecen os datos que identifican o (nome, dirección, teléfono,...), o número de capóns anelados e os números destes aneis.

En setembro continúan as visitas ás granxas, desta vez como controis de rutina (ver como vai todo, asesorar nalgún tema, se existen baixas,...). Tamén se inician os controis de peso nalgunha das explotacións previamente seleccionadas. Con isto, logramos acumular datos que nos sirvan de referencia de cara a futuros estudos, como pasou co proxecto de I+D que actualmente leva a cabo esta Asociación, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Ademais serve para extrapolar os datos ó resto dos animais, conseguindo unha media de toda a produción anual.

Nas semanas previas á Feira, faise un derradeiro control, onde se comproba o estado hixiénico-sanitario dos animais, se observa a porcentaxe de rexeneracións e por último, actualízase o censo, anotando as posibles baixas que houbese.

O día do sacrificio (un día antes da feira), realízase un control veterinario dos locais de matanza, comprobando que se cumpran unhas normas básicas de hixiene, limpeza e desinfección. Tamén se vai facendo unha primeira inspección dos animais, que teñan boa cor, e estean ben desplumados e arranxados. Este día faise o último control de peso, non só nas granxas seleccionadas, senón tamén noutras, para que a media que nos saia sexa máis representativa. Pésanse as canais (desplumadas e sen órganos internos), que para entrar na Feira, deben ter un peso mínimo de 3,5 kg, aínda que case todas superan os 4,5 kg.

Por fin chega o día da Feira do Capón de Vilalba. O día da feira, ducias de cestas con capóns ateigan a porta de entrada da Feira pola mañanciña, dende moito antes das 8 da mañá, hora en que abre as súas portas o recinto. Efectivos da Policía Local de Vilalba encárganse do control. Os criadores, segundo van entrando, entregan a súa ficha e din o número de capóns que traen á Feira, dato que, despois de comprobar, se anota na mesma ficha. A continuación, meten as cestas e colócanas nas mesas.

Sobre as 9:00 da mañá, péchase a porta de acceso ós criadores. Empeza entón a derradeira inspección visual dos animais, comprobando que todos teñen os aneis numerados, e fixándose en todos os exemplares con vistas á concesión dos premios á mellor cesta e mellor par, xa que unha das tarefas do veterinario é a de participar como xurado. Persoal do Concello comeza tamén a colocar as chapas e bandas distintivas.

Ás 10:00 da mañá, ábrense as portas para unha clientela desexosa de entrar e poder levar algún exemplar do tan afamado Capón de Vilalba.