Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 

*PROCESO DE CRIA ARTESANAL
*CASTRACIÓN
*ENFERMIDADES E INCIDENCIAS POSTOPERATORIAS
*INSTALACIÓNS

 

ENFERMIDADES E INCIDENCIAS POSTOPERATORIAS

Moitas das enfermidades que poden afectar ó capón son as mesmas que afectan a polos e galiñas comerciais. Algunhas que poden ter a súa orixe no proceso de castración son:

•  Enfisema subcutáneo
•  Hernia intercostal
•  Rotura de costelas
•  Complicacións sépticas
•  Coxeiras
•  Mortes súbitas

Pode haber moitas máis, pero estas son as máis frecuentes.

•  ENFISEMA SUBCUTÁNEO

En dous días pode estar pechada a ferida externa (a da pel) pero ata pasar unha semana non estará a interior (a das costelas), polo que se a ferida interna non quedou ben pechada pode saír aire dos sacos aéreos, pero, como xa está pechada a ferida externa, fórmase unha bolsa de aire por debaixo da pel, que se chama enfisema subcutáneo. Para evitar a morte do animal, practicarase un corte na pel en forma de ollal (de 2-3 cm.) que permita a saída do aire, e, a continuación, aplicámoslle iodo. Non serve de nada pinchar cunha agulla a bolsa de aire porque o orificio péchase ós poucos minutos.

•  HERNIA INTERCOSTAL

Pode aparecer en moi raras ocasións, cando a sutura das costelas non se fixo ben e esta abriuse, saíndo unha pequena parte do intestino. Tarda en cicatrizar moito tempo, e pode chegar a provocar a morte do animal. Ás veces pode saír o intestino e non o vemos porque xa pechou a ferida externa. Soluciónase reintroducindo no abdome esa porción de intestino e cosendo ben a zona. Para evitar unha peritonite séptica, aplicaremos un antibiótico de longa duración vía intramuscular.

•  ROTURA DE COSTELAS

Pode suceder en polos grandes, de máis de 1,5 kg. Non é problema importante, pero pódese cravar o bordo da costela nalgún órgano. Para evitar isto, en caso de rotura deben coserse ambos os dous fragmentos –cando se trata dunha rotura simple- á costela precedente ou á posterior. No caso de fracturas múltiples, na que quedan anacos soltos, estes deberán extraerse.

•  COMPLICACIÓNS SÉPTICAS

Son as responsables da maior parte das baixas postoperatorias. Aínda que se aplica un tratamento antibiótico previo e posterior á castración, a presencia dunha infección subclínica nas aves (infección latente, non patente) pode exacerbarse polo stress que supón a castración, xa que este tratamento serve para previr a aparición de infeccións que poidan aparecer no transcurso da intervención, e non para curar enfermidades que xa padeceran as aves.

Tamén unhas malas condicións de manexo posteriores a esta poden traer consecuencias nefastas para unhas aves que sufriron tan importante operación cirúrxica.

Algunha destas enfermidades son:

•  COLIBACILOSE:

Producida pola Escherichia coli . Adoita presentarse naqueles lotes onde xa estaba instaurada a enfermidade, e se exacerba polo stress operatorio.

Os síntomas máis claros desta enfermidade son que as aves están deitadas, falta de apetito, diarrea e morte.

O diagnóstico faise polo cadro de lesións, aínda que o máis efectivo é mandar algún ave con síntomas ó laboratorio.

O tratamento desta enfermidade consistirá na administración de antibióticos de amplo espectro, para o que se terá feito o correspondente antibiograma. Hai que ter en conta que o E. Coli é resistente á maioría destes antibióticos: cloranfenicol, tetraciclina , etc..

As medidas profilácticas consistirán en revisar as condicións nas que se realizan as crianzas, incluíndo os programas sanitarios e de manexo.

•  C.R.D. (complexo respiratorio aviar):

Enfermidade producida polo Mycoplasma gallisepticum . Preséntase nas aves que sofren un mal manexo posterior á castración, sobre todo no que respecta á ventilación e á cama.

Os síntomas propios desta enfermidade son boqueo e estertores ó respirar, ademais de presentarse unha diarrea verdosa, aínda que pode variar segundo os axentes bacterianos que acompañen ó micoplasma, normalmente E. coli .

A súa detección é sinxela, facendo uso do diagnóstico serolóxico rápido.

O tratamento consiste en administrar, intramuscular ou oralmente, tilosina ou lincomicina ; ademais de corrixir as causas de aparición da enfermidade: escaseza de ventilación, cama en mal estado,...

•  ESTAFILOCOCIAS:

O Staphylococcus aureus é o responsable desta enfermidade. Esta bacteria está presente en todos os lugares onde a asepsia brilla pola súa ausencia. Tamén se pode atopar na pel do persoal de crianza, dos castradores ou das propias aves.

Ó practicar a intervención cirúrxica, así como ó efectuar o corte de crista e barbelas, dáse facilmente paso a este microorganismo, que rapidamente invade todo o organismo, especialmente sacos aéreos e articulacións.

A incidencia desta enfermidade é maior naquelas castracións onde non se practica a sutura de costelas e pel.

Os síntomas consisten en coxeiras, diarreas verdes e unha alta mortaldade (ata o 30% de baixas).

O tratamento consiste en dar antibióticos, sobre todo do grupo dos macrólidos , como a espiramicina e a tilosina .

•  COXEIRAS

No noso caso adoita presentarse polo tipo de alimentación ou por unha elevada densidade de animais.

Se lle damos ó capón moita comida, este pode engordar demasiado rápido. Aumenta músculo, pero os ósos non crecen á mesma velocidade, co que estes non soportan o peso do animal, caendo a ave ou producíndose coxeiras. Os problemas óseos son debido ás veces a desequilibrios minerais, xa que a ausencia de cantidades suficientes destes na dieta, tamén pode producir falta de desenvolvemento do esqueleto.

A elevada densidade de animais impide un maior exercicio das aves. É importantísimo que os capóns fagan moito exercicio durante a crianza.

A solución adoita ser proporcionar unha dieta de pouca enerxía (cereais con moito salvado) ou aplicando unha restrición de alimento. Tamén pode ser conveniente, como medida rápida, a administración dun complexo vitamínico mineral na auga de bebida, ó mesmo tempo que se diminúe a densidade de animais, ademais de colocar os comedeiros máis lonxe para que as aves teñan que camiñar.

De calquera xeito, non debemos descartar outras causas, de orixe vírico ou bacteriano, que poidan ocasionar coxeiras, como a micoplasmose, estafilococias ou artrite vírica.

•  MORTES SÚBITAS

Aínda que pode ter distintas orixes, preséntase en aves cando sofren stress . No noso caso, debido ó nerviosismo anterior á castración, pódese producir unha parada cardíaca e a morte do animal. Efectivamente, pode acontecer que aves sometidas a un xaxún, ó seren suxeitadas ou inmobilizadas para a súa castración, sufran un esvaecemento –un fallo cardíaco- que, ocasionalmente, termine coa morte do animal.

A morte súbita tamén se pode dar en capóns, sobre todo os de maior tamaño, inxiren moito alimento en pouco tempo nos días seguintes á castración. Isto é debido ó xaxún de 2-3 días que sufriron, o que fai que inxiran a comida con inusitada avidez. Así, o animal que morre deste xeito adoita presentar un bo estado de carnes.

Non existe tratamento. Algúns indican que parte destas baixas poden evitarse practicando unha restrición de alimento ou engadindo pequenas pedras, area,... para facilitar a dixestión. Como o Capón de Vilalba é unha raza semipesada, este problema non se acostuma a dar.

Como conclusión podemos dicir que a cría de capóns é unha actividade que, dende o punto de vista veterinario, non adoita dar problemas significativos. Iso si, o manexo e coidado dos animais debe ser bo, coidando aspectos como a alimentación equilibrada, que teñan acceso ós pastos, lugares para protexerse do frío ou calor, limpeza e desinfección das camas... Facendo ben as cousas, a intervención do veterinario limítase ós consellos de cría, non sendo necesario ningún tipo de tratamento farmacolóxico.