Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 

O Concello de Vilalba, capital da Terra Chá, sitúase na zona norte e interior da provincia de Lugo. As terras de Vilalba, cunha superficie de case 379 Km 2 , constitúen o segundo municipio máis grande de Galicia. Forman parte da extensa Comarca da Terra Chá e comprende administrativamente os concellos de Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, Pastoriza, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei. Limitan ó norte con Muras e Abadín, no leste con Abadín e Cospeito, polo sur con Guitiriz e Begonte, e polo oeste con Xermade e Guitiriz.

Vilalba organiza o seu territorio nun total de 30 parroquias, nas que vive unha poboación de 16.110 habitantes. Destes, cerca de cinco mil concéntranse na vila de Vilalba, capital municipal e único núcleo urbano do municipio. Dista da capital provincial en 36 Km.

Como indica o nome da comarca na que se inclúe, a topografía deste termo caracterízase pola súa planicie, agás nas zonas periféricas do norte, por onde se estende a Serra da Carba, que con altitudes de 800 e 900 m. constitúe o reborde montañoso que individualiza a comarca; e cara o sudeste, a Pena do Mirador, elevación que pon límite co municipio de Guitiriz. Os ríos Trimaz e Madalena discorren por unha paisaxe na que as masas forestais abranguen o 60% do territorio.

A Terra Chá pódese definir como unha comarca rural cunha economía de clara vocación agrícola e gandeira. A actividade económica predominante é a agrícola, que se orienta case exclusivamente á gandería bovina, e que ocupa ó 45,43 % da poboación activa. A climatoloxía e os solos permiten que haxa gran cantidade de terreos dedicados a praderías para a numerosa cabana bovina, onde conviven modernas instalacións con explotacións de carácter familiar de pequeno tamaño e que tenden ó autoconsumo, orientado sobre todo a unha produción láctea. Naqueles lugares da comarca onde a topografía é máis montañosa cobra auxe a gandería extensiva dedicada á produción cárnica e na que predomina a raza autóctona Rubia Galega.

Con respecto á industria, a máis importante é a derivada do sector primario, é dicir a agroalimentaria, representada por unha empresa de produtos lácteos, e algunhas pequenas industrias de embutidos, xamóns e queixo de San Simón.

A gastronomía complementa o atractivo da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón, o roscón e os célebres Capóns de Vilalba que se comercializan nunha feira anual, que ten lugar o domingo antes de noiteboa.