Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 


COMERCIALIZACIÓN DO CAPÓN

Os exemplares de Capón de Vilalba véndense na feira anual que se celebra antes da noiteboa.

Para a súa comercialización, o capón prepárase dun xeito moi especial. No interior do animal, colócase un pao pequeno de abeleira, para manter o lombo o máis recto posible, o que facilita a posterior da graxa. A continuación, dóbranse as ás, dirixindo a súa punta cara arriba, de xeito que queden pousadas sobre o lombo. Por último, colócase a graxa ou ensunlla tamén sobre as costas, ós dous lados, suxeita cun paíño. Esta ensunlla é mostra da calidade do engorde dos capóns. Despois déixase arrefriar ata que os músculos adquiran a suficiente rixidez.

O último paso na presentación é a colocación das aves en cestas de vimbio ou madeira, cun recheo de palla e cubertas cun pano branco. É sobre estes panos onde se colocan os exemplares, coas cabezas cara o centro da cesta e as patas cara fóra, quedando así listo para a venda.

Cada feira, ducias de cestas con capóns ateigan a entrada ó recinto feiral. Dende moi cedo, os criadores achéganse para intentar coller os mellores sitios. Sobre as 8:00 da mañá, ábrense as portas de entrada, e efectivos da Policía Local de Vilalba encárganse do control de entrada. Segundo van entrando, os criadores deben entregar unha ficha amarela e anótase o número de exemplares que traen.

Sobre as 9:00 da mañá, péchanse as portas de entrada, dando comezo á derradeira inspección visual dos animais, comprobando que todos teñan o seu anel numerado, así como a observación de todos os exemplares con vistas á concesión dos premios. Estes son tres: un ó mellor criador, outro á mellor cesta, e por último, ó mellor par. Ó mesmo tempo, persoal do Concello procede a colocar as chapas e bandas que distinguen ó verdadeiro Capón de Vilalba.

Ás 10 da mañá, ábrense as portas para o numeroso público que se achega cada ano a esta Feira. Chegan xentes de distintos lugares de Galicia, incluso do resto de España. Dende o propio recinto pódense mandar capóns, xa que empresas de transporte teñen mostradores de atención ó público, onde recollen os exemplares para entregar en calquera punto do país. As aves adóitanse mandar en caixas de madeira (que se venden tamén na Feira), co logotipo de Capón de Vilalba. Ós compradores regálaselles un tríptico con características do capón (crianza,...) e algunhas receitas.

Máis tarde, sobre as 12:30 da mañá, faise a entrega de premios, e a continuación, comeza unha degustación de capón.

A Feira do Capón de Vilalba pode ter máis de 200 anos de antigüidade, pois nos libros do Concello de Vilalba, aparecen anotacións da Feira do ano 1835. Tradicionalmente, celebrábanse na praza de Santa María, onde se poñían á venda aproximadamente 1.000 pares. Hoxe en día, a Feira trasladouse a un recinto cuberto, onde tanto as mercadorías como os vendedores, están resgardados das inclemencias do tempo.

Así nolo describe o poeta Manuel María: “ É fermoso no día do Nadal, evocar as vellas feiras vilalbesas dos capóns, e atoparse na íntima praza de Santa María cos pares de capóns moi colocados e curiosos nas súas cestas, o que contrastaba a brancura da palla e dos manteis de liño caseiros co dourado capón ”.