Inicio
Concello de Vilalba
Historia do Capón
Guía do Capón de Vilalba
Comercialización
Garantía de calidade
Proxectos de futuro
Galería de imaxes
Contacte con nós
 

*PROCESO DE CRIA ARTESANAL
*CASTRACIÓN
*ENFERMEDADES E INCIDENCIAS POSTOPERATORIAS
*INSTALACIÓNS

 

A CASTRACIÓN

Historia:

A práctica da castración coñécese desde tempos antigos. Parece que os primeiros en practicala foron os chinos e atopamos referencias na Biblia que se remontan ó ano 1.250 a.C (LEV. 22,24,25).

Co transcorrer dos séculos, a castración de poliños pasou por diferentes facetas pero, de entre as máis recentes –séculos XVIII, XIX e parte do XX- unhas fixeron que caese a produción de capóns entre os avicultores, e outras o seu consumo nas sociedades adiñeiradas.

Primeiro, por un procedemento nada respectuoso co animal: extirpar a dedo –e a cegas- os testículos do macho, a través dun furado practicado no abdome, co resultado frecuente de gran número de baixas. Esta técnica era usada nos anos 50 no noso país polos capadores que ían polas casas dos pobos.

Despois, coa chamada esterilización química, implantando hormonas femininas sintéticas, que neutralizan as hormonas sexuais masculinas. Co tempo, coñeceuse que á parte da posibilidade de feminizar ó home por un consumo continuado destas aves tratadas, debían considerarse coma substancias potencialmente canceríxenas. Isto propiciou a prohibición do seu uso en moitos países, incluído, por suposto, España.

Así, o único método de castración autorizado nos países da U.E. é o cirúrxico que, desenvolvido polo francés G.C. Morin, foi divulgado en España polo profesor Salvador Castelló, fundador da Real Escuela de Avicultura a comezos do século XX. Diferentes disposicións públicas e de organizacións avícolas (como a nosa Asociación), contemplan e regulan a castración cirúrxica nas aves.

Nalgunhas rexións de Francia e Italia, particularmente no caso de operacións de castración de millares de aves, nin sequera se cosen as feridas, tratando de aumentar así a velocidade de castración. Isto non é aconsellable polo grande número de baixas causadas por hernias intercostais e infeccións.

 

Bases anatómicas:

As gónadas dos polos están situadas no interior da cavidade abdominal, mentres que no resto dos machos das especies domésticas (ruminantes, équidos, cánidos, felinos...) se atopan no exterior.

Polo tanto, para chegar ós órganos xenitais, teremos que facer unha incisión na pel. Así, imos atopar unha serie de elementos anatómicos:

* Plumas : arríncanse ó comezo para despexar o campo operatorio.
* Ás : xusto debaixo de cada unha delas, practicarase a incisión co bisturí. Para que non molesten na operación, deben repregarse, cruzando unha sobre a outra no dorso da ave.
* Costelas e músculos intercostais : delimitan a caixa torácica. Nas aves son sete pares de costelas, que se articulan coas sete vertebras torácicas. A incisión realizarase entre a última e a penúltima costela de cada lado, apartando o músculo intercostal.
* Sacos aéreos : son dilatacións dos pulmóns, con paredes moi finas, case transparentes, membranosas, pouco vascularizadas, e moi adheridas ou unidas ás vísceras veciñas e ó peritoneo. Os pitos posúen nove sacos aéreos: dous cervicais, dous abdominais, un clavicular e catro torácicos, dous anteriores e dous posteriores. Estes últimos son os que hai que perforar para poder visualizar os testículos da ave.
* Testículos : son dous e de cor marela. Xa dixemos que están na cavidade abdominal, concretamente debaixo dos riles e paralelos á columna vertebral. Teñen forma oval e o seu tamaño depende esencialmente da actividade sexual, raza, idade do pito,... incluso da época do ano. Entreambos os testículos corren a cava e a arteria ilíaca, próximas á arteria renal. A lesión dalgún destes vasos durante o proceso operatorio é o resultante da maior parte das baixas.

 

Preparación:

Imos agora ver os diferentes pasos no proceso de castración. O método a empregar é a ablación testicular por incisión intercostal . O momento ideal para realizar a castración ímolo definir en función do peso do animal, máis que en función da idade, xa que o peso vivo leva asociado un certo desenvolvimento corporal: máis ou menos masa muscular, diferente desenvolvimento testicular, distinta flexibilidade das costelas... Polo tanto, e aínda que a castración poida practicarse moi precozmente, cun peso do polo duns 400-500 g; o normal é que se faga de forma precoz, cando a ave ten entre 1 e 1,5 kg de peso vivo (con 45-60 días de vida). Non se debería realizar a castración con moito máis peso corporal xa que hai unha serie de problemas relacionados co tamaño da ave: unha maior vascularización do testículo (sendo este máis grande), costelas máis duras, maior masa intestinal, maior dificultade para localizar as últimas costelas,...

Os polos que van sufrir o proceso de castración deben estar en perfecto estado de saúde e o proceso desenvolverase da seguinte maneira:

•  Xaxún de alimentos sólidos, pero nunca de auga, durante dous días. O de que as aves non coman nada, ten como obxectivo atopar os intestinos baleiros e facilitar a visión do campo operatorio na extracción dos testículos. A falta da dixestión reduce tamén o ritmo cardíaco da ave, factor que diminúe os riscos da intervención. O xaxún rigoroso é fundamental para realizar unha correcta castración sen complicacións.

•  Medicación preoperatoria: vitamina k 3 na auga de bebida durante dous ou tres días (nunha dose de 1 ou 2 g/litro de auga), como método preventivo das posibles hemorraxias que ocorran na castración. Cando se ten a práctica necesaria incluso podemos prescindir desta vitamina.

 

Accesorios de castración:

A mesa de operacións terá, polo menos 1 x 2 m . Nela colócanse os pupitres de castración (v. foto), que son táboas de madeira laminada de fácil limpeza e desinfección, duns 40 x 80 x 1,5 cm. , que levan nos extremos cabeceiros uns ganchos metálicos, onde van suxeitas as cordas para amarrar as ás e as patas. En cada mesa podemos colocar tres ou catro pupitres de castración, xa que esta se realiza normalmente en “roda”, é dicir, póñense polos en todos os pupitres de castración de cada mesa, de modo que os operarios van pasando por cada un deles executando as operacións oportunas: primeiro, o axudante coloca o pito no pupitre e corta as plumas da zona de incisión; logo pasa o castrador e a continuación o axudante de novo que sutura, cortas cristas e barbelas, desinfecta e coloca outro polo para a castración. Para gardar as aves é máis recomendable o uso de gaiolas de plástico, por ser máis fáciles de limpar e desinfectar.

 

Local de castración:

En primeiro lugar, debemos dispoñer dun lugar axeitado, xa que non é aconsellable realizar as intervencións ó aire libre e baixo a acción da luz solar. O local debe estar ben ventilado, dispor de auga corrente e de luz eléctrica, e estará limpo e desinfectado previamente. O recomendable son locais temperados (18º C–20º C), ventilación suave, e en penumbra (para que os polos estean máis tranquilos). É preferible que se atope preto do galiñeiro.

 

Equipo cirúrxico:

O material cirúrxico básico componse de :

•  Tesoiras curvas grandes: para recortar as plumas
•  Tesoiras curvas máis curtas: para cortar cristas e barbelas.
•  Bisturí con folla intercambiable do número 12.
•  Separador ou fórceps.
•  Polipotomo e cordas de aceiro finas.
•  Espátula, pinzas, agullas curvas ( Kirschner ) para suturar, fío de algodón, xiringa para aplicar o antibiótico, antiséptico iodado.

 

Proceso operatorio:

•  Preparación da ave

O primeiro é cruzar as ás do polo e colocalo no pupitre polo lado dereito, amarrando cunha corda as ás e con outra as patas; tensando o máximo posible para evitar movementos bruscos, que interfiran na castración e deriven en hemorraxias importantes. O seguinte paso é o desplume da zona operatoria
Non se vai usar anestesia xa que é unha operación curta e pouco agresiva que a penas lle causa dor ó animal.

•  Incisión e visualización dos testículos

Tírase da pel que cobre a zona das últimas costelas cara a coxa da ave e co bisturí efectuarase un primeiro corte nela duns 2 cm. de lonxitude e na mesma dirección das costelas. Isto faise así porque é preferible que os dous cortes (o da pel e o das costelas), non coincidan ó volver a pel á súa posición normal, de xeito que esta sirva de envoltura á ferida interior.
Pode aparecer un pouco de sangue, pero non pasa nada. Co algodón limparase e pronto deixa de fluír.

Ó mover a pel cortada cara a coxa, veremos o músculo intercostal, dunha cor vermella escura ou violácea. Este non se debe lesionar, apartándoo co mesmo dedo índice ou coa espátula cara atrás, no momento de facer o corte entre as costelas.

De seguido, unha vez localizadas á vista –ás veces poden verse coma unha banda branca-, ou co dedo índice esquerdo, e coa axuda da unlla do capador, as dúas últimas costelas. Entre estas efectuarase un segundo corte, máis profundo pero de igual lonxitude que o anterior. A unlla do dedo índice, situada entreambas as dúas costelas, pode servir de guía ó bisturí.

A continuación, introducirase o separador no corte entre as costelas e accionarase para abrir o orificio, con coidado de non forzar demasiado e romper as costelas (lembrar aquí que a última costela non está soldada á quilla, só unida).

Baixo estas aparece unha membrana transparente (o peritoneo) que envolve e protexe a masa intestinal, que se resgará coa punta do bisturí.

Se o xaxún foi aplicado correctamente, os intestinos aparecerán repregados e o testículo do lado por onde se fixo a apertura será perfectamente visible (ás veces incluso os dous).

 

•  Extirpación dos testículos

Colleremos o polipotomo (co lazo montado cun diámetro de 1-1,5cm.), inserindo o dedo polgar no seu anel superior e os dedos índice e medio nos dous aneis inferiores. Achegamos o lazo ó testículo, rodeámolo pola súa base e tiramos cara arriba dos dous aneis inferiores, estrangulando e seccionando os tecidos mesentéricos que o envolven, conseguindo que se desprenda. Retírase despois cunha pinza.

O testículo cae sobre os intestinos pero, se o perdemos entre eles, non pasa nada. Probablemente quedará enquistado nalgún dos seus tramos, sen maiores consecuencias. O importante é que se saque todo. Se queda algo, debe extirparse co mesmo polipotomo ou axudándose das pinzas.

 

•  Sutura das feridas

Retírase o separador e coa agulla enfiada cósense as costelas con coidado de non coller músculo (para evitar coxeiras), mediante un dobre nó, de maneira que non queden aberturas nin ocos, e así cicatrice ben a ferida.

A continuación darase outro punto na pel, tamén polo centro do corte, e desinféctase cun produto iodado. Este fío, ademais de asegurarse cun par de nós, debe deixarse algo longo (ata 2 cm.), xa que comercialmente constitúe un selo de garantía de galo castrado. En Vilalba úsase fío de cor vermella.

Repítese o proceso polo outro lado da ave, para extraer o outro testículo, dando media volta ó animal polo eixe lonxitudinal que forman as ataduras ó pupitre.

 

•  Corte de cristas e barbelas e aplicación de antibiótico

Recórtanse as cristas e as barbelas pola súa base coas tesoiras curvas e desinféctase cun produto iodado. A razón é que co tempo, estas se atrofian pola falta de hormonas, co que a ave adquire un aspecto enfermizo.

Como último, paso aplícase un antibiótico de amplo espectro por vía intramuscular, para evitar posibles infeccións postoperatorias.

Hixiene e coidados postoperatorios

A mesa de operacións e o instrumental deben limparse e desinfectarse con frecuencia, usando lixivias, deterxentes..., tamén as mans dos operarios, cos produtos axeitados. O local debe varrerse de plumas cada media xornada e en ausencia de aves. As aves castradas deben aloxarse noutros locais ben limpos e desinfectados, sempre con camas, comedeiros e bebedeiros limpos para reducir o risco de infeccións. Administraráselle unha dose de antibiótico na auga de bebida, incluso un complexo vitamínico.

Nas primeiras horas débeselles dar pouco alimento (o xaxún pódese prolongar durante doce horas tras a intervención, permitindo unicamente beber auga medicada) e ir aumentando progresivamente.

As 48 horas posteriores á castración son as máis críticas, xa que pode morrer o capón por unha infección, se non se medicou axeitadamente. Neste período as aves estarán silenciosas e moitas deitadas. Convén neste período que non teñan temperaturas extremas que lles provoquen stress .

Mortalidade operatoria:

Durante o proceso operatorio, considerando aves sans, ben preparadas e un operario experto, a mortalidade sitúase entre o 0,3% e o 1%. Esta porcentaxe pode variar dependendo de distintos factores: habilidade do castrador, estado sanitario das aves, raza ou estirpe (as razas pesadas son menos resistentes ó stress ), método de castración e cansazo do castrador.

Vantaxes e inconvenientes da castración por un só lado:

A principal vantaxe é que se simplifica a intervención, reducindo así as feridas, riscos, tempo empregado e o stress da ave. O principal inconveniente é a maior porcentaxe de rexeneración testicular, debida á maior inexactitude e dificultade na extracción do segundo testículo.

O problema da rexeneración testicular:

Ás dúas semanas aproximadamente, de ter feito a castración e con todas as feridas cicatrizadas, queda, como único sinal da intervención, o fío da sutura feita na pel, ademais da falta de crista e barbelas. As plumas arrincadas na zona de intervención, volven a repoñerse pouco a pouco. As aves castradas comezarán a presentar unha cor de cara pálida; a base da crista e das barbelas, xa recortadas e desprovistas de costras, irán tomando unha cor rosa clara.

Aproximadamente un mes despois da castración poderá empezar a comprobarse a efectividade da intervención. Pode ocorrer que, nunha certa porcentaxe dos polos capados, estes non presenten o aspecto antes descrito senón que, contrariamente ós demais, recuperen a cor vermella na crista e barbelas, e incluso co tempo estes capóns poden cantar. Isto significa que está acontecendo a rexeneración dun ou de ambos testículos.

Este fenómeno, que se produce sempre (dentro dunhas porcentaxes) e co que hai que contar, calquera que sexa o método de castración, pode ter distintas orixes:

•  Unha incorrecta intervención debido á mala visibilidade do campo operatorio, insuficiente xaxún, exceso de velocidade de castración, hemorraxia profusa, castración incompleta, etc.
•  Instrumental cirúrxico de castración. En función do tipo de pinza e do polipotomo que se empregue, a castración orixina diversos niveis de rexeneración.
•  As deshidratacións preoperatorias provocan unha deshidratación dos testículos, dificultando a súa extirpación.
•  A raza ou estirpe. As razas lixeiras rexeneran con menos frecuencia que as pesadas, debido á súa maior madurez sexual.
•  A castración de ambos testículos polo mesmo lado aumenta a porcentaxe de rexenerados.
•  A época do ano. Os polos castrados en inverno e primavera rexeneran máis, debido á influencia do fotoperíodo (maior ou menor cantidade de horas de luz solar que percibe a glándula pituitaria do animal).
•  Outros factores

Efectos da castración:

A anulación da actividade hormonal que se produce ó extirpar os testículos provoca uns complexos cambios no metabolismo que van producir:

•  Interrupción do crecemento dos ósos longos, sendo algo máis baixos que un polo sen castrar, tendo desta forma un aspecto máis redondeado.
•  Incremento de peso, certo tempo despois de realizar a castración.
•  Atrofia progresiva da crista, barbelas e orelliñas, tomando estes apéndices cor pálida, de aspecto rugoso e sen desenvolverse.
•  Alongamento da plumaxe, tornándose máis sedosa, brillante e espectacular.
•  Aspecto aguileño da cabeza ó estar sen crista nin barbelas, e coas plumas do pescozo máis longas.
•  Supresión do canto, chegando soamente a emitir algún son saínte da gorxa similar en ocasións ó cacarexo das galiñas.
•  Desaparición da agresividade, polo que non haberá pelexas entre eles (aínda que poida existir algunha liorta, será de escasa importancia). Tamén desaparece o fervor sexual e o interese polas galiñas.
•  O cambio máis importante para nós é a infiltración graxa que se dá nas masas musculares. A enerxía que normalmente gastan en cortexar, pelexar e protexer o seu territorio vese grandemente diminuída coa castración, permitindo unha conversión alimenticia máis eficiente cara ó crecemento, acumulación de graxa e incremento da calidade da carne, é dicir, infíltrase na carne a cantidade de graxa ideal para facer esta máis tenra, e de moito mellor sabor que a dun galo sen castrar da mesma idade.
•  En liñas xerais, os capóns adquiren características intermedias entre os galos e as galiñas.

o